DESCRICIÓN:
Este programa pretende apoiar a etapa predoutoral e outorgarlles axudas ás universidades públicas do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG) que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación nos seus centros como doutoras e doutores en calquera das áreas de coñecemento e que leven a cabo proxectos de investigación en materia de igualdade e xénero (código de procedemento SI455A).
O obxectivo da Xunta de Galicia con este programa é apoiar a etapa predoutoral, dando axudas ás tres universidades públicas galegas que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutoras ou doutores, en materia de xénero en calquera das áreas de coñecemento. Esta iniciativa inclúe, ademais, o financiamento dunha estadía no estranxeiro de tres meses de duración, que lles permitirá acadar a mención de doutora ou doutor internacional.
As axudas distribuiranse entre as cinco ramas de coñecemento: Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura, de xeito que se garanta a concesión dun mínimo dunha axuda para cada rama. Ditas achegas oscilarán entre os 24.600€ e os 30.600€, un importe que na etapa posdoutoral acadará os 31.500 euros ao ano. Ademais, as axudas para estadías no estranxeiro terán un importe máximo de 6.000€, en función do destino.
INSTRUCCIÓNS DE SOLICITUDE POR UNIVERSIDADE:
- Solicitude a través da Universidade da Coruña
- Solicitude a través da Universidade de Santiago de Compostela
- Solicitude a través da Universidade de Vigo